jueves, 19 de enero de 2006

Pffffff.... Mentales

Benito era un home pouco convencional. Gastaba gafas, barba e greñas, con ese estilo característicamente bohemio. Deu clase de inglés durante dous anos no meu instituto, pero a min aprendeume cousas ben distintas.
O que máis lembro das súas clases de teatro (nada serio, estaba a anos luz do que agora fai Ángel Llácer cos triunfitos), aparte dunha cancionciña absurda que non recordo ben que propósito tiña, pero que cantábamos en alta voz:
Tamba, tamba, tamba, tamba.
Mayombe, mombe, mayombe.
Tamba del negro que tumba.
Tumba del negro, ¡caramba!
¡Caramba, que a mi negro nadie lo tumba!
Tamba, tamba, tamba, tamba.
, e un exercicio que fixemos un día, no cal simulabamos unha situación na que tiñamos que expresar os nosos pensamentos en voz alta. Aprendín que dentro do noso cerebro as ideas non aparecen sucesivamente como nun libro. Interrómpense entre si, un pensamento chama por outro completamente distinto, os temas xorden e desaparecen, ou pasan a segundo plano empuxados por outros, que obteñen protagonismo durante uns instantes, para logo cedérllelo a outros. Como se un milleiro de persoas falasen dentro da túa cabeza ó mesmo tempo, e ti cada vez foses escoitando fragmentos soltos de todas elas.
Por iso mesmo me resulta tan difícil escribir unha historia. Cando me decido a facelo, as ideas están ahí, esperando a saír, pero son incapaz de ordenalas unha diante de outra, nunha ringleira de letras e palabras, para ser capaz de construir "algo" medianamente comprensible. A maioría das veces, despois de moitos esforzos, sáeme un churro que para nada ten que ver co que eu quería: repito o mesmo tres ou catro veces, empezo a divagar sobre tonterías ou escribo unha historia totalmente incomprensible. Ás veces nin sequera falo do que pretendía falar ó principio. E tódolos intentos acaban da mesma forma: borrados e abandonados.

¡Se eu só me rexistrei para deixarlle algún comentario que outro a yaya! O nome do blog era perfecto: "Conxunto Baleiro". ¿Qué mellor marketing? Estaba claro: baleiro. En branco. Como tantos outros que hai por ahí, e iso que a min non me gusta sinalar.
Pero a ela non lle valía. Non. Erre que erre. "Que blog máis triste". "A ver cando escribes algo". Ata dándome excusas para comezalo. Pois xa está. Gañaches. A ti e a ninguén máis (bueno, se cadra un pouco ó comentario de Shere) se debe que escribise isto.
Supoño que non vos importará o feito de que, con esto que estou escribindo, o título do blog carecerá agora de sentido. Cruel ironía, un conxunto baleiro que sen embargo contén un elemento. Ergo non está baleiro. Perfecto, acabo de crear unha paradoxa. E non só eso, senón que me poden acusar de publicidade enganosa.

Este desbarre está adicado a quen me presionou dialécticamente para escribilo.

Humildemente quixera adicalo tamén á memoria de Águeda González Portela, da que se acaba de saber que, ó parecer, foi asasinada por un veciño que se entregou á policía hai unhas poucas horas. Que asco me dá ás veces o xénero humano. Resquiescat in Pace, Águeda.

Unha canción: "Negra Sombra", coa voz de Luz Casal e a mestría de Carlos Núñez.