sábado, 23 de diciembre de 2006

De cambios e bos desexos

Nesta época do ano a xente parece (ou alomenos finxe que) se enfronta á vida cun pouquiño máis de ilusión e de alegría. Anque moitos critican que esta é a época máis hipócrita do ano (que tamén), é bo que alomenos, aínda que sexa de boquilla, todos sexamos un pouquiño máis positivos á hora de enfrontarnos ás pequenas ou grandes miserias que nos van tocando vivir.

E aínda que ese tal "Espíritu de Nadal" sexa máis falso ca un euro de cartón pedra, alomenos serve para que moita xente, moitas veces só por non perder a costume, levante un pouco a vista do chan, a onde todos soemos mirar todo o tempo, e mire un pouco ó ceo, deixando de pensar, por unha vez, no que "é", para adicarlle, aínda que só sexa un segundo, ó que "podería ser". E pense en que, co cambio de ano, pode serlle máis sinxelo cambiar "eso" que non lle gusta, e afrontar o Aninovo con outra perspectiva. Deixar de fumar, aprender un idioma novo, ir ó ximnasio... Todas esas cousas que todos pensan, algúns comezan, e moi poucos continúan pasados os primeiros 15 días de xaneiro, cando os efectos alucinóxenos do cava e do turrón xa están fóra do organismo. Non pasa nada, o ano que vén volverémolo intentar, é o de todos os anos. A conciencia está tranquila, porque polo menos intentáchelo.

É o que pasa cos desexos, que moitas veces se volven en contra túa. Eu estouno experimentando máis do que me gustaría, pero ó feito peito, como se soe dicir. Igual que nos contos de fadas, hai que ter coidado co que pides, porque de golpe te podes encontrar con que o tes, pero descubres que non o querías. E gustaríache vivir nun conto de fadas, onde sempre queda o último desexo, co que pedir que se desfagan todos os demáis desexos que non saíron ben. Pero a maxia aquí non funciona.
Unha vez tiven un cravo
cravado no corazón,
i eu non me acordo xa se era aquel cravo
de ouro, de ferro ou de amor.
Soio sei que me fixo un mal tan fondo,
que tanto me atormentou,
que en día e noite sin cesar choraba
cal chorou Madanela na pasión.
«Señor, que todo o podedes,
-pedinlle unha vez a Dios-
daime valor para arrincar dun golpe
cravo de tal condición».
E doumo Dios e arrinqueino,
mais... ¿quen pensara...? Despois
xa non sentín máis tormentos
nin soupen que era delor;
soupen só que non sei que me faltaba
en donde o cravo faltou,
e seica, seica tiven soidades
daquela pena... ¡Bon Dios!
Este barro mortal que envolve o esprito
¡quen o entenderá, Señor...!


Rosalía


E unha última liña para desexarlles un Bo Nadal e un Feliz 2007 á multitude multitudinaria de persoas que me len (que sei que son poucos pero escollidos, que é o que conta :D) Ata xaneiro!!

1 comentario:

yaya dijo...

Y yo haciéndome ilusiones pensando que se trataba de un post optimista... :P

Feliz año alegría de la huerta! xDD